XXIV Klin, klou! Klin, klou! Resoaba nos oídos do lagarto miope. Klin, klou! Klin, klou! Fuxiu lonxe do valado, deixou a súa casa, os seus amigos, o seu amor, deixou tanto, tanto deixou. Klin, klou! Amagou no fondo da fraga e colleu pola dereita por levar as de gañar e rematou a beira dun pozo sen sinalamento regulamentario, botou o fociño por ver se por alí cheiraba a fogar, e creu que si. Gabeou pola lisa parede do pozo e nun pequeno buraco meteu a metade do seu corpo, pechou os ollos e lembrou de novo o seu valado, o seu fogar, o seu amor, respirou fondo , moi fondo e unha bagoa pingou no pozo. A noite caeu sobre o pozo cen veces cen, o sangue enfreou a lingua do réptil curto de vista, levantouse vento, choveu, saíu o sol, caeron as follas do castiñeiro, caeu un grilo no pozo por erro, o lagarto abriu os ollos e cantou. Grilo amigo se viches meu amor dille que por el agardo. E o grilo case sen folgos suspirou. Klin, klou!

vidas do lagarto

free web counter

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP