XXVII Despois de cen anos e pico o seu querido amigo Balde petou na porta cun libro e cara de ter pasado moito tempo en silencio. Que cousas ten a vida! E mentres falaba o convidado sorpresa dos camiños dos que tiña memoria e dos poucos raios de sol que vira polas paredes da súa casa, o anfitrión voou cara as sabanas africanas e os enxames de moscas tse-tse que tanto gustaba de comer de mañanciña, cando Balde e máis el xogaban a cruzar o mar e logo máis alá, ás estrelas sen medo e logo ó infinito e máis alá. O amor ten un efecto moi semellante a unha farta de tse-tse. Está moi grande, debe ter comido moita mosca ou engulido que non é o mesmo pero é igual. A súa ollada é distinta?
E perdido en comparacións absurdas entre o brillo dos ollos de Balde e os materiais dunha canteira nin se decatou da fuxida do convidado. Ollou arredor e acreditou que deixara o libro. Vaia potra! "O derradeiro encontro", xusto o que buscara para Balde durante tantas noites. Sen pensalo dúas veces meteu "O derradeiro encontro" nun sobre e certificouno para que o seu amigo tivera unha farta de moscas tse-tse de balde.