stas historias do lagarto miope son dunha natureza allea a min e ó mesmo tempo pasearon entre as miñas orellas como un espírito iniciático e caótico. Aínda hoxe non son quen de interpretar dun xeito harmónico todo o que aconteceu naquel tempo en Camelle. O primeiro contacto por chamalo dalgún xeito aconteceu nos finais do inverno pasado. Erik e máis eu investigabamos os efectos do estramonio nos melómanos crónicos, cando nunha das nosas sesións de traballo descubrín no medio da lareira un lagarto, a cousa de primeiras non me chamou a atención dado que Erik cantaba Modlitba pro Martu e eu lembrei a praza de San Wenceslao en Praga, a que nunca cheguei por mor duns tanques soviéticos e a total seguridade de Erik en que no occidente estaba o noso sitio, e tiña razón, agora ocupando a cova de Manfred en Camelle temos ante nós o esplendoroso sitio que occidente tiña reservado para nós.
As setas da semana anterior agrandaran o meu materialismo crítico e ata pensei nas bondades de ter ducha, pero entón apareceu de novo ante min o lagarto no medio da lareira disolvéndoo todo. Perdinme polo seu tempo sen tempo respirando o aire que o seu espírito respirara en múltiples vidas. Fun réptil, anfibio, peixe, mamífero, vexetal e mineral. Ata recordo fun antes de ser todo oídos do lagarto que non paraba de falar das súas vidas, do tempo, das dioptrías estabilizadas, das orixes do universo, o sentido da vida e doutras cousas as que non prestei moita atención, perdido na procura do sentido que podería ter que o lagarto fóra miope coma min. Aí, lémbroo perfectamente, escoitei a Erik cantar no tellado.. “Es moi fácil, te es moi fácil neno si lo intentas, si lo intentas, pipipipipi, pipipipipi, pipipipipi......” Con ese inconfundible acento curuño que desde o día que durmimos en Riazor non se lle despega. Algo dentro de min levou as miñas mans na procura de papel e lapis e dun xeito automático escribín a primeira das historias do lagarto miope. En vista do resultado e dada a cantidade de estramonio apañado, repetín as sesións de traballo ata que o lagarto miope deixou de manifestarse e o meu fígado de funcionar correctamente.
Esta e non outra é a orixe destas trinta olladas do lagarto miope que eu recollín con grave risco da miña saúde mental e física, e que agora transcribo aquí.


Hjerbert Bönn

Read more...


I Era un lagarto miope que odiaba o sol en especial cando non chovía. As arelas tíñaas de home pero camiñaba coma un lagarto. Nas noites de lúa nova facía crer que durmía, pero só pechaba os ollos e contaba a quen o escoitara que devecía por fuxir en soños sen tempo. Falaba moi baixiño, tratando de que a lingua non se lle enredara nos dentes, sobre todo cando pronunciaba un eu creo. Era este un verbo que odiaba o réptil, en todas as súas variacións e posibilidades. Nin condicionado era quen de pronuncialo sen problemas de coordinación bucolinguais.
Era un lagarto camaleónico, cousas de familia dicía el, mais o que non sabían os habitantes do valado onde durmía era que o de camaleón víñalle doutra vida. Si, o camaleón-lagarto cría na transmigración das almas pero na mesma vida e nas outras, en cada silencio que lle permitira ollar cara diante decatábase de que xa vivira outra vida inútil e iso cansábao, dáballe noxo e como resposta odiaba o sol en especial cando non chovía.

Read more...


II A memoria, a memoria, a memoria...

Read more...


III Como ventea aí fóra, como ventea mimá! Vai caer unha boa, si, si, das boas.
A araña-lagarto meteuse na súa vaíña de seda, pechou os ollos e viviu un reparador soño salvífico.

Read more...


IV Os tempos son chegados dos bardos das edades, que as vosas vaguedades cumprido fin terán. Cantaba alegremente polo val da Mahía o lagarto-formiga obreira cando atopou as migallas dun bocadillo de lombo asado con tomate e queixo. E queixo!
Axiña todo o formigueiro cantou.Os tempos son chegados dos bardos das edades, que as vosas vaguedades cumprido fin terán.
O ruído, o lixo, os albaneis, as formigoneiras, todo foi benvido e aplaudido polo formigueiro con entusiasmo.
Pasou o tempo e viñeron máis albaneis, e máis bocadillos, e máis camións, e máis cemento para a piscina comunitaria.
Os tempos son chegados. O formigueiro todo era un orfeón a pulmón aberto. Dos bardos das edades, que as vosas vaguedades... Cando as formigoneiras descargaron dous mil quilos sobre o próspero formigueiro da Mahía, afogando o berro unánime. Cumprido fin terán.

Read more...


V O lagarto-tartaruga miope matinaba polas noites sobre teoloxía carnal, non sabía para que pero a falta de estímulos reprodutivos non estaba incómodo xogando coas palabras. O único problema destas arroutadas teolóxicas era a imposibilidade de recordar nada pola mañá. Mais unha noite tras comer unhas herbas para a dor de estómago foi quen de explicar ós seus veciños de valado as audacias da súa mística escolástica. A pureza das palabras é fundamental na hixiene da alma, e ata podemos asegurar que sen ela córrese o risco de afogala sen resurrección posible. E se ben a utilidade derradeira da alma é empiricamente nula, non é menos certo que de ter algo aínda que sexa como potencia é preferible telo en perfectas condicións de uso.
Dende entón cada vez que escoita unha palabra impura sofre crises nerviosas que rematan desde esa funesta noite coa cabeza dentro da coiraza polos séculos dos séculos, amén.

Read more...


VI Desamañecía no buraco do valado, desamañecía na lingua do lagarto-píntega, desamañecía e non recordaba a cara da súa nai. Púxose en pé e buscou entre as biólogas que recollían bolboretas a faciana materna. Mirou e saudou a todas erguendo levemente o seu chapeu de “meripopins”. Elas rían e comentaban entre risiños licenciados o espectacular caso de cretinismo do que eran espectadoras. Choveu e as biólogas fuxiron entre berriños á Universidade que, como moi ben sabía a lesma do xardín da Facultade de Xornalismo, non é máis que unha lameira seca abafada por unha calefacción de tinta. Noxento para calquera tipo de vida minimamente intelixente, dígocho de corazón!
E o anfibio volveu a horizontalidade entre as flores maldicindo a razón que o impulsara a tal dor de riles polo abuso da posición vertical, e botou en falta unha man cálida que lle cantara unha nana mentres lle daba unhas fregas de caña no lombo. No lombo! Mmmmm, no lombo e máis alá! Gloria bendita! Máis como non sabía nada de masaxes espirituais bebeuse unha botella de augardente e notou como de novo desamañecía no buraco do valado. Mamaíña! Suspirou.

Read more...


VII Era inverno e durmía por tres meses soñando no premio Nobel á particularidade animal, entre borradores do discurso de aceptación e gracias miles polo premio inmerecido, mais xusto o lagarto notou unha presenza cálida, volveu a cabeza sen abrir os ollos e uns labios húmidos bicaron os seus. Supúxoo soño mais ó espertar viu restos de despedida na boca e odiou os premios que non lle dan.

Read more...


VIII O lagarto-sapo tomou de seu a beira nordés da charca comunitaria e cada medianoite con puntualidade suíza agasallaba ó mundo os seus líricos amores por vir. Ata o amencer berraba polo cruel destino, as incontinencias verbais, a soidade, a moda e os modos, o tempo implacable, e a pouca atención. Así pasou o verán e o outono sen deixar de berrarlle ó ceo polo desigual do trato. Inxusta existencia, clemencia dura e ingrata a que vén isto de deixarme aquí co doado que sería conxelarme como ó Walt Disney ese, crou, crou!
Un vento nordés de paso bicouno e outra vida perdida por amor a arte.

Read more...


IX Cal podería ser a resposta a tanto interrogante do noso señor? Nesas andaba a cascuda-lagarto sobre os restos dun revolto de setas cando unha luz doutro mundo cegou os seus múltiples ollos e unha fervenza de ave con fideos arrastrouna ata as rexións máis escuras do lixo dos homes.

Read more...

vidas do lagarto

free web counter

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP